miércoles, 19 de abril de 2017

EXPOSICIÓN "POESÍA ENTRE LÍÑAS"

Eugenia Fdez e o poeta Xosé Daniel Costas Currás

Baixo este título, o hall do noso centro volveu ser "tomado" dende o 21 de marzo "Día da Poesía", por unha exposición de Blackout Poetry creada polo noso alumnado de 2º ESO, 3º ESO e 1º BACH., capitaneados pola nosa compañeira de Lingua Castelá, Eugenia Fernández. 

Os paneis da exposición cóntannos que a Blackout Poetry, tamén chamada Poesía Opaca, Poesía Escura ou Destrucción Creativa, consiste en agochar as palabras que non se precisan dunha folla de libro, xornal, revista... e deixar visibles unicamente aquelas que conformarán o noso poema.


Vén sendo unha especie de busca do tesouro, na que imos descubrir o poema que está oculto baixo a prosa. A idea que alimenta esta técnica creativa radica na crenza de que baixo as capas do cotián, se somos quen de afastar o que nos entorpece a vista, atoparemos poesía.


A idea orixinal é do autor, debuxante e deseñador web Austin Kleon, quen afirma o valor de inspirarse no traballo dos demais para comezar o noso propio. Pero non podemos quedarnos aí, na simple copia, senón que nos cómpre achegar algo máis que, á súa vez, sirva de inspiración para outros.



A exposición ofrece a posibilidade de escoitar as voces do alumnado recitando os poemas que compuxeron grazas a Realidade Aumentada, só con descargar no móbil a aplicación Aurasma e seguir o canal, a través dun enlace ou dun código QR.



No hay comentarios:

Publicar un comentario